<< anterior monográfico                                                       MARZO - ABRIL 2010                                                       siguiente monográfico >>

Hecho en Mac

A Cinetografía

Sistema universal de notación do movemento






János Fügedi, PhD.


Budapest (1953). Etnocoreólogo, cinetógrafo e investigador no

Instituto de Musicoloxía da Academia Húngara das Ciencias.

Docente na Academia Húngara de Danza





Sergio de la Ossa

Madrid (1978). Mestre especialista en

Educación Musical (USC), guitarrista e etnomusicólogo.









1. Orixe e historia:


A cinetografía é un método de representación do movemento creado por Rudolf Laban a comezos do século XX. Esta forma de escritura -hoxe en día a máis estendida por todo o mundo- emprégase nos diferentes xéneros da danza, nomeadamente no baile tradicional. Como ferramenta cotiá na súa transcrición, fai posible o estudo detallado e comparación das diferentes tradicións no ámbito internacional.


Os historiadores da danza consideran a Rudolf Laban (coreógrafo de orixe húngara) como unha das personalidades máis influentes da cultura da danza europea do século XX, e como un dos creadores da danza moderna (1).


Laban –xa nos comezos da súa carreira- comprendeu que a danza só se chegaría a tomar en serio cando puidese ser estudada e analizada, para o cal era necesario un sistema de escritura que fixase o baile en papel. No seu libro titulado O mundo dos bailadores argumentaba o seguinte: “Hai que fixar por escrito os símbolos do baile, porque só comparando e analizando, repetindo e formando de novo se formará a tradición, e só nese momento se abre a posibilidade de que se valoren máis profundamente os logros artísticos do bailador” (2).


Laban presentou no II Congreso de Danza de Alemaña (celebrado en Essen no ano 1928) o seu novo sistema de escritura, co nome de Cinetografía (Kinetographie). Tralo evento, o sistema de escritura foi publicado en alemán, adoptando a denominación alemá Schrifttanz, e constou de dous cadernos: no primeiro presentouse a súa ortografía, completada con explicacións (3); no segundo publicáronse curtas transcricións de exercicios de baile (4). En 1930, Albrecht Knust inaugurou o Kinetographische Institut en Hamburgo, e a tamén alumna de Laban Ann Hutchinson inaugurou en 1940, en New York, o Dance Notation Bureau, que desde a súa creación até o día de hoxe traballa con excelentes resultados.



Laban presenta en Essen (1928)

o seu sistema de escritura



Co gallo de desenrolar o sistema creouse en 1959, en Addlestone (Inglaterra), o Consello Internacional de Cinetografía Laban (International Council of Kinetography Laban – ICKL). Grazas ao traballo de Albrecht Knust, Ann Hutchinson e a húngara Mária Szentpál, ademais do dos membros directivos do ICKL, a cinetografía amosou ser unha ferramenta valiosa en todos os eidos da danza: converteuse no sistema axeitado que reflectía o esencial da forma dos movementos do bailador. A excepcional flexibilidade do sistema é a súa gran vantaxe: a danza pódese escribir simplemente como un bosquexo dos movementos do bailador, pero tamén abre as portas a formas máis complexas e á transcrición dos trazos estilísticos.


Os principais centros europeos de emprego e difusión da cinetografía son: o Language of Dance Centre en Londres;  o Kinetographische Institut en Dresde; o Centre National d’Ecriture du Mouvement en París, e o Instituto de Musicoloxía da Academia Húngara das Ciencias (MTA Zenetudományi Intézet), en Budapest. Os centros senlleiros en ultramar son o xa citado Dance Notation Bureau en New York, e como membro del a Columbia State University, en Ohio.


O sistema é hoxe empregado en numerosas universidades, e mesmo en certos casos se ensina nas escolas de grao medio de danza como materia teórica. Hai xa moitos libros escritos en diferentes linguas sobre el, de entre os que debemos resaltar os dous seguintes, de consulta obrigada por ofreceren a mais completa e xeral panorámica sobre o sistema. Son A Dictionary of Kinetography Laban (5) e Labanotation (6), escritos por Albrecht Knust e Ann Hutchinson Guest, respectivamente. Grazas aos 4 volumes do Laban Notation Scores: An International Bibliography (7), de Mary Jane Warner, podemos a día de hoxe afirmar que hai miles de obras escénicas clásicas e modernas, step, jazz, bailes de salón e bailes tradicionais escritos e conservados.


Como no caso doutras disciplinas, quizais será necesario un tempo para que a cinetografía ocupe o lugar que lle corresponde dentro da cultura da danza, e se converta nunha ferramenta da que nos servir para complementar e mellorar os procesos de aprendizaxe, comprensión, comunicación ou salvagarda dela.


2. A escritura do baile:


1- Antecedentes históricos

A cinetografía non foi o primeiro sistema de codificación dos movementos do baile por escrito. Nesta presentación pódense observar as formas que adoptaron os sistemas históricos máis relevantes.

2- Eidos de utilización

Son varias as aplicacións da cinetografía en relación co baile tradicional: documentación e arquivo, publicación, análise de estruturas, comparación, elaboración de métodos de aprendizaxe…


3- Comparación das vantaxes e desvantaxes do emprego do vídeo e a notación de baile (no contexto do estudo do baile tradicional).

A aparición dun sistema de escritura nunha época na que gravacións e rexistros de vídeo son xeneralizados require dunha breve argumentación e aclaración dos roles complementarios que desempeñan estas dúas técnicas. 


Ver presentación en Diapositivas (1,1 MB):A escritura do baile.pdf


3. As bases da cinetografía (presentación de Power Point):


Os signos escollidos para esta presentación son unha pequena parte dos necesarios para a comprensión da linguaxe propia do baile tradicional. Están tomados do manuscrito de János Fügedi Táncjelírás néptáncosoknak [Notación do baile para bailadores tradicionais], e foron adaptados e incluídos dentro da sección de introdución á Cinetografía do libro Así fan os bailadores…, publicado recentemente pola editorial Dos Acordes. Ao final da presentación amosamos un exemplo de transcrición dun motivo simple de baile (tomado do Esparaván do Incio), xunto coa descrición dos símbolos empregados. Deste xeito, co seguimento en paralelo da introdución á cinetografía e destas descricións que acompañan os cinetogramas, podemos comezar a descifrar os bailes transcritos e a comprender este sistema, o que nos abre as portas a toda a literatura internacional xa dispoñible sobre a danza.


Thoinot Arbeau (1598): Orchesographie


Contidos:
  1. -O sistema de liñas.

  2. -Sentido e orientación da lectura

  3. -Expresión do ritmo.

  4. -As direccións

  5. -Os niveis de altura

  6. -Tipos de movemento: paso, salto, xiro

  7. -Determinación da dirección do paso e do xesto

  8. -Analoxías: identidade, simetría, simetría oposta

  9. -Como ler un cinetograma (Esparaván do Inicio)









Diagrama que ilustra a realización dun xesto da perna dereita.

O bailador da imaxe é Zoltán Juhász.


Ver presentación en PowerPoint (1,7 MB): Bases_cinetografia.pps



4. O baile e a cinetografía en Galicia:


O baile tradicional galego presenta unhas características especiais, se o examinamos dentro do contexto da Europa Occidental. Nel presérvanse estratos históricos desaparecidos polo xeral nesta parte do continente, feito que pode ligar a nosa tradición a outras prácticas da periferia europea, caracterizadas pola mais lenta e tardía asimilación de formas procedentes do ámbito culto -bailes cortesáns ou de salón- dentro das costumes tradicionais. Os necesarios estudos sobre o tema aclararán este punto nun futuro -agardamos- próximo. Foi a excepcional riqueza das nosas tradicións de baile o que atraeu o interese de János Fügedi tanto polos estilos improvisativos - muiñeiras e xotas - como polas danzas - gremiais ou doutros tipos-, e o levaron a participar no proceso de transcrición-estudo-formación-divulgación no que estamos inmersos.


A aprendizaxe da cinetografía non pode levarse a cabo sen a experiencia directa da arte do movemento, do mesmo xeito que non deberiamos facer preceder a lecto-escritura da música á práctica activa da mesma. Cada signo debe estar conectado cun movemento vivo e orgánico. O florecemento da arte da escritura debería estar acompañado dunha participación máis activa da sociedade (centrando o discurso no noso campo, dos nosos cativos, alumnos -quizais deberiamos dicir: dos propios mestres) no mundo do baile.


O baile, por desgracia, aproveita con bastante máis retraso que a música os avances na ciencia, no estudo do coñecemento humano ou a pedagoxía. Cremos necesaria a formación (máis completa) de mestres de baile locais e (a inicial) de investigadores nesta arte, para o que a cinetografía desempeña, na nosa opinión, un rol esencial. Os primeiros pasos neste respecto foron dados en maio do 2009, cando aCentral Folque colaborou na organización do 1º curso de introdución á Cinetografía impartido por János Fügedi (no Salón Teatro, Santiago de Compostela). A aprendizaxe directa é, como dixemos, insustituíble. No citado curso empregáronse exemplos do propio mestre ou vídeos de recollas orixinais (húngaras e galegas), seguidos da práctica dos propios participantes na formación. Como complemento destas experiencias, a aparición de outras publicacións como a reseñada (Así fan os bailadores…), sexa na nosa lingua ou outras da nosa contorna, favorecería o enriquecemento do repertorio de motivos familiares (=da nosa tradición) transcritos, ao mesmo tempo susceptibles de ser empregados na didáctica da escritura do baile.


Continuaremos no noso esforzo de levar a cabo os necesarios cursos de formación, ao mesmo tempo que animamos aos lectores a tomar parte en calquera evento relacionado coa aprendizaxe e a participación activa no baile, eido artístico -como a música, e inseparable dela- que completa o ser humano e ao que toda persoa debería ter acceso.  


Tradución, adaptación e edición: Sergio de la Ossa.



Bibliografía:


Hutchinson Guest, Ann (2005): Labanotation.  Routledge, New York and London.

Iglesias, Xabier [et al.] (2009): Así fan os bailadores…  Dos Acordes, Baiona.

Knust, Albrecht (1979): A Dictionary of Kinetography Laban.  MacDonald and Evans, Plymouth.

Laban, R. (1920): Die Welt des Tanzers.  Walter Seifert Verlag, Stuttgart

Laban, R. (1926): Gymnastik und Tanz.  Gerhardt Stalling Verlag, Oldenburg

Preston-Dunlop, Valerie (1998): Rudolf Laban - An extraordinary life.  Dance Books, London

Schrifttanz 1. Methodik – Orthographie – Erluterungen.  Universal Edition, Wien, Leipzig, 1928

Warner, Mary Jane (1984): Labanotation Scores: An International Bibliography.  Vol. I.

An ICKL Publication

Warner, Mary Jane (1988): Labanotation Scores: An International Bibliography.  Vol. II.

An ICKL Publication

Warner, Mary Jane (1995): Labanotation Scores: An International Bibliography.  Vol. III.

An ICKL Publication

Warner, Mary Jane (1999): Labanotation Scores: An International Bibliography.  Vol. IV.

An ICKL Publication



(1) A publicación máis completa sobre a vida e obra de Rudolf Laban é a de Valerie Preston-Dunlop (1998)

(2) Laban 1920, 61

(3) Schrifttanz 1, 1928

(4) Schrifttanz 2, 1930

(5) Knust 1979

(6) Hutchinson Guest 2005

(7) Warner 1984, 1988, 1995, 1999

(8) Iglesias [et al.] 2009


 

Asociación Educativa Cultural Musicrearte

Portada      Asociación      Ediciones y producciones      Cursos y actividades      Monográficos      Recursos